Entrevista
HUGO: "Foi unha competición moi positiva para os nenos"
19/05/2010

Hugo Fernández, adestrador do equipo Alevín "D" da Escola, foi o técnico que dirixiu ao equipo de Fútbol-11 Alevín no Torneo "Conservas Calvo", no que participaron Deportivo da Coruña, Conxo de Santiago, A Seca de Pontevedra, Santa Mariña de Vigo, Pavillón de Ourense e o Conservas Calvo de Carballo.
Unha novidade para os nosos mozos xogadores dado que en Ferrolterra non hai competición de Fútbol-11 nas categorías de Prebenjamín, Benjamín e Alevín.
- ¿Como calificas a experiencia de participar neste torneo a nivel galego de Fútbol-11?
"Foi unha competición moi positiva para os nenos xa que foi a primeira toma de contacto co Fútbol-11. vimos o nivel doutros equipos e a verdade é moi alto porque a maioría xa tiñan experiencia, pero creo que foi moi bo de cara ao próximo ano cando pasan a infantís que xa se xoga só a Fútbol-11".
- Os resultados non foron moi positivos para o noso equipo, pero ¿os resultados eran secundarios?
"Si, porque o importante era aprender e houbo partidos onde tivemos posibilidades de gañar, pero os detalles de falta de experiencia son os que ao final nos levaron a perder".
- ¿Viches moita evolución nos nenos durante o torneo?
"Vin unha melloría importante desde o primeiro ata o último partido, sobre todo a nivel de colocación. Ao principio os nenos non sabían moi ben como situarse no campo, tiña que corrixilos moito e ao final cada un sabía moi ben cal era a súa posición. Este torneo foi moi bo de cara ao futuro, a evolución foi moi positiva e pódese conseguir facer un equipo potente porque a estes nenos gústalles aprender aínda que tamén lles falta algo de sacrificio, o que é normal nestas idades".
- ¿É complicado traballar con nenos tan pequenos?
"É difícil cando fas unha selección, e o que intentamos é restarlle importancia porque eles por natureza pódense sentir superiores. Cren que porque os elixiches son mellores que o resto, e iso é o que hai que evitar. Aquí son todos iguais, uns con máis aptitudes que outros pero eles non se poden sentir superiores".
- ¿En canto ao teu equipo, o Alevín "D" fixestes unha gran tempada, 5ª posición na Liga e 3ª na Copa, é para estar satisfeitos?
"Teño un equipo que son todos alevíns de primeiro ano, é un grupo bastante homogéneo, non hai moitas diferenzas entre eles e a maioría dos xogadores poden xogar en moitas posicións. É un bo grupo e creo que poden seguir aprendendo moito porque son como esponxas, o absorven todo".










